concello de Lugo J.L.Orozco Blog Personal
Biografía Bandos, artigos, intervencións. Galería de fotos Escribir ó alcalde Cidade de Lugo J.L.Orozco Blog Personal
NON Á GUERRA
Vou escribir este comentario despois de ver unhas imaxes impactantes na TV da guerra tan de actualidade entre os rusos e os xeorxianos. Non teño capacidade de análise suficiente para ver de que lado está a razón ou a sen razón. Nin me preocupa. Non se trata diso. As guerras nunca tiveron sentido, e por iso ninguén ten razón dabondo para comezala; pero agora, unha vez que os seres humanos as temos “experimentado” tanto, unha vez que os seres humanos nos temos dotado de instrumentos de diálogo como pode ser a ONU, unha vez que existe prensa libre polo que xa é case imposible esconder a verdade, as guerras teñen menos sentido que nunca.

Porque tanto afán de destrucción? Porque tanto odio acumulado? Porque tantos señores da guerra que mandan as súas tropas ben pertrechadas en contra das casas, dos bens e das vidas de seres inocentes?. Porque tanto afán de deixar “terra queimada” as miñas costas para que os “perdedores” teñan aínda máis difícil a recuperación? Porque tanta hipocresía nas grandes potencias e noutras “unións” que pouco pintan, para propiciar que non se acabe con un pobo pequeno, pobre e con unha capacidade de defensa e ataque moi débil? Porque tanto afán armamentístico e tanta fabricación de armas cada vez máis destructivas?

Vin unhas imaxes nas que as tropas rusas incendiaban os seus propios carros de combate porque preferían abandonalos que volver con eles as súas posicións. Felices os fabricantes de armas. Vin unhas imaxes nas que persoas do pobo, o pobo, sufría a desesperación, a morte, o abandono, a impotencia, o desgarro da morte e da separación. Xa sei que sucede a cotío, que as guerras son case todas iguais; pero é que hoxe vin esas imaxes e quero berrar: ¡Non a guerra! Non a quen as provoca, as ampara, as inicia ou as propicia. Estou firmemente convencido que quen as sufre non as quere, por moito que logo os que as provocan se paseen ao carón deles.

Hai 40 anos naceu o movemento hyppie que, entre outras cousas, reivindicaba a loita pola paz. Podo ser tildado de utópico por aspirar os meus anos a vivir nunha sociedade en paz. Pois si, aspiro como Kant a unha Paz Perpetua. E é posible. Por iso, senón queremos a guerra, traballemos pola paz. E traballar pola paz son moitas cousas, pero tamén é propiciar unha sociedade xusta, igualitaria e solidaria: lonxe e ó carón da nosa casa. Gandhi segue a ter razón.


José L. Orozco. domingo, 17 de agosto de 2008 ás 23:10:31 
Enviar un comentario | 27 comentario(s) recibido(s)
ALEXANDRA AGUILAR MORÁN
Empezaron xa a súa andaina os Xogos Olímpicos. É unha mágoa que non se detiveran as guerras como sucedía no pasado clásico xa que dese xeito as primeiras páxinas dos diarios e máis os informativos da TV non mostrarían as fotos desgarradoras do sufrimento inútil de milleiros de persoas en Georgia e Osetia do Sur. Así somos os seres humanos: empregamos a forza destructora para “solucionar” os problemas de uns cantos en nome dun pobo, dunha razón de estado ou por mor de calquera outra disculpa. Por desgracia non é esta a única guerra xa que seguen outras as que estamos acostumados ou continúan situacións de ignorancia dos dereitos humanos.

Quería falar dos Xogos Olímpicos. Vin o seu comezo e teño que dicir que foi unha obra de arte televisiva. Que ben se condensou unha historia é unha tradición aplicando un novo soporte como é TV. Foi todo un espectáculo, aínda que teño que dicir que, segundo meu modo de ver, o acendido da chama non superou o arqueiro en Barcelona. Non só me fixei nas cores, nas formas, no contido, senón que pensei na disciplina dos milleiros de figurantes que actuaron. Sigo pensando como farían para levantar, agachar, manter de pe, aos centos que facían mover os “tipos” da imprenta. Foi un homenaxe á plástica visual e tamén o socorrido “lo bueno si breve dos veces bueno”. Tanta historia, tantos eventos e de tanta longa duración poderían facer que o Director se pasase en tempo. Foi o xusto no tempo xusto. O tempo forma parte do éxito ou non de un espectáculo televisivo.

Non sei cantas medallas conseguirán os deportistas españois. Cantas máis mellor porque seguro que iso vai contribuír a que se fortaleza o deporte non só como forma de competir, senón tamén como unha forma de desenvolver a vida. O que está claro que dado o mundo que temos feito, que non dubido que se pode facer de outra forma, o chamado deporte de elite ten o seu papel, entre o que se pode destacar o de integrador social. Xa vin o éxito do ciclismo, deporte duro entre os duros, da esgrima e os primeiros pasos exitosos do baloncesto. Que siga e perdure.

Espero con ansia a actuación dos nosos paisanos, entre os que destacaría ao abandeirado David Cal, pero moi especialmente do triatleta Javier Gómez Noia que se ten merecido o éxito nestes xogos. Digo noso porque os lucenses tivemos moito que ver no desenvolvemento da súa carreira deportiva.

E deixo para o final a Alexandra Aguilar Morán. Aquí se que podemos falar da nosa, porque naceu, creceu e se fixo atleta en Lugo, á sombra dos seus pais, especialmente Daniel, desde sempre un afamado deportista. Nunha recente entrevista facía ver o seu profundo lucencismo que ten que exercer lonxe, pero moi perto de todos nos. A súa participación nos Xogos Olímpicos é un orgullo para todos os lucenses e un premio para ela que se leva esforzado moito. Se ven acompañada dunha medalla, mellor; pero sabemos que están moi “caras”. Indo aló xa compríu con creces con esta cidade e co esforzo que esixe a súa especialidade. Que sorte sería que cando chegase á meta puidese anunciar que as guerras por fin remataron. Ánimo é sorte Alexandra, e contigo, a todos os demais.


José L. Orozco. domingo, 10 de agosto de 2008 ás 16:13:59 
| 68 comentario(s) recibido(s)
Empezo a realizar este "blog", eu traduciría esa verba por "pequeno caderno de bitácora", no que, coa máxima frecuencia, irei relatando feitos e ideas, fóra do que é o meu traballo diario como Alcalde. É verdade que esa vida profesional, que é a que vivo a diario, vai "contaminar" (influir, marcar...) moito esas ideas, feitos e pensamentos que relatarei. Gustaríame contar coa complicidade dos "internautas" que o desexen no sentido que estimen oportuno. Só o mutuo respecto e os principios constitucionais marcarán os límites. BOA VIAXE...

Consulta os encontros dixitais co alcalde

ARTIGOS RECENTES
» NON Á GUERRA
» ALEXANDRA AGUILAR MORÁN
» DESCANSO NAS VACACIÓNS
» ATARDECER EN ATENAS
» DÍA NACIONAL DE GALICIA
» CAMBIOS NO GOBERNO MUNICIPAL
» O PARLAMENTO NA RÚA
» DISCURSO EN QINHUANGDAO
» O PLAN URBAN
» UN ANO, DESDE AS ELECCIÓNS


ARQUIVO
· agosto 08
· xullo 08
· xuño 08
· maio 08
· abril 08
· marzo 08
· febreiro 08
· xaneiro 08
· decembro 07
· novembro 07
· outubro 07
· setembro 07
· agosto 07
· xullo 07
· xuño 07
· maio 07
· abril 07
· marzo 07
· febreiro 07
· xaneiro 07
· decembro 06
· novembro 06
· outubro 06
· setembro 06
· agosto 06
· xullo 06
· xuño 06
· maio 06
· abril 06
· marzo 06
· febreiro 06

Buscar